viernes, 30 de octubre de 2015

Sorrirás.

Os camiños partense en dous cunha facilidade sobrenatural.
Cando abres os ollos, xa non segues a mesma carreteira e, lonxe, ves como alguén baixa o brazo tras despedir todo o que un día compartichedes durante a viaxe.
E das un paso atrás, e outro, e así ata que caes na conta de que non trouxeches compás. De que non sabes cal é o norte e estás perdida en medio da nada.
Agora, os meus pés están comezando a moverse en sintonía cos teus e non podo agardar ata que os meus nocellos non coñezan outra maneira de seguir adiante que non sexa en paralelo aos teus. Pero seguramente nun mañá non moi lonxano, tocará rachar a corda que se formará entre as nosas pegadas na terra e... perdernos.
Por iso, creo que este é o momento que máis se disfruta e temos que disfrutar. É o momento cheo de dúbidas no que os pés non saben se xuntarse ou non, o momento no que ninguén entende nada.
Así que vén, vén e falemos. Falemos dos nosos soños, dos nosos medos, dispoñámonos a coñecer o fondo de quen temos en frente.
Vén e lévame a estar máis tolas que nunca. Que o mundo saiba que ti es o que lle da a volta a todo, que se estou noutro mundo é porque ultimamente este non o comprendo. Lévame a vivir o que nunca vivín, contigo. Vamos a empaparnos, a tirarnos a rolos, a ensuciarnos, a acabar pendurando dalgún acantilado e deixarnos caer. E ao día seguinte sorrir timidamente coma se nunca nos tiveramos visto antes. E facer como que non lembramos o ocurrido. Se te vin, non me lembro.
E mañá repetimos. Os días morren e as noites son eternas. Pois sabemos que vai rematar, algún día, e non quero arrepentirme. Así que senta, senta e mírame aos ollos, e déixame descubrir o por que de cada mirada, imaxinar a cantidade inimaxinable de sucesos que se dan ao longo dos sete mares, e as terras que estes bañan, durante o simple intre en que o vento te despeina, deixar de pensar que non existe nada máis e saber que, nese momento, aínda rodeados de mil xigantes, temos forza pra sobrevivir toda unha existencia.
Non necesitarte. Ser libre pero atopar, na miña liberdade, a capacidade de elixir arriscarme contigo.
E pasado mañá despedirnos. Sabíamos que chegaría o día.
Escríbeme unha carta. Cóntame como é a vida sen min. Cóntame se atopaches a túa Grándola, se estás no sitio no que serás feliz o resto da túa efímera vida. Cóntame que aprendiches a voar conmigo e que, aínda que a compañeira de voo sexa outra, segues conservando as mesmas ás.
Fuxirás. Escribirás, chegarán as túas palabras ao meu buzón e voltarán do meu puño e letra, agradecendo cada aperta inesperada e cada vez que non me esqueciches.
Sorrirás, sorrirei.
Pois foi breve a historia, pois non te necesito, pois non me necesitas, pois nos une o espacio que deixaron as cadeas nunca creadas.
E saberás que, por moi lonxe que nos desvíe a vida, ti marcaches o meu norte e eu son o único compás que coñeciches e coñecerás.
Sorrirei.
Sorrirás.

No hay comentarios:

Publicar un comentario